A LÚA VAI ENCUBERTA Brión
Diverses dates
CENTRO SOCIAL POLIVALENTE
Avenida de Santa Minia, 46 - Brión, Brión, Coruña, A
Entérate antes que nadie
¿Quieres ver a A LÚA VAI ENCUBERTA?
Te avisaremos de nuevas fechas, apertura de venta y preventas de A LÚA VAI ENCUBERTA.
A LÚA VAI ENCUBERTA é a obra gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais que xorde da unión das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante para poñer en pé un espectáculo
multidisciplinar no que reflexionar arredor da identidade a través da música, o movemento, as imaxes e a palabra.
É unha proposta de teatro documental na que, tomando a peza completa de Manuel María, a equipa dialoga desde a actualidade coa historia recente de Galicia. para poñer en valor a capacidade educativa do teatro como instrumento de concienciación arredor da nosa identidade, de reivindicación dos nosos dereitos como individuos e como pobo.
É unha peza que afonda na nosa historia contemporánea, trasladando un debate necesario á sociedade cunha posta en escea dinámica, divertida e emocionante que pode ser vista e gozada por todo tipo de público, sen caer en elitismos escénicos pero sen claudicar da experimentación artística. Mestura as formas de teatro máis popular (cabaret, musical, farsa) coas formas contemporáneas de achegarnos ao escénico (teatro documento), baixo o paraugas poético e escénico que ofrecen as palabras dunha voz esencial para comprendernos como país como é a de Manuel María.
SINOPSE
A lúa vai encuberta ten como gran motor a recuperación e a reactivación da memoria para tomar conciencia crítica da realidade que nos atravesa. Partindo da mirada coa que Manuel María selecciona e ordena pasaxes da nosa historia para levar a nosa atención tanto sobre as forzas activas como as que foron ocultadas e silenciadas, a nosa intención é a de cuestionar o relato adquirido e, desde a propia experiencia vital, revisar os prexuízos, os tabús e os silencios que aínda hoxe prevalecen.
Para iso, respectando o texto orixinal, tomamos a peza como mecanismo de xogo e situamos a acción no local de ensaio da Asociación Cultural Auriense. Así, co interese da nosa equipa por indagar na propia historia, a incógnita sobre a disolución do grupo ourensán parecía dialogar co resto da obra construída a base de accións truncadas e de figuras notables con escasa presenza no relato oficial. Durante as reunións de traballo das dúas compañías, constituídas por persoas nacidas despois do 77, a estupefacción ante a escasa representación de Manuel María, así como o descoñecemento do valor de figuras destacadas do nacionalismo e a persistencia de conflitos que minan a potencia de Galicia, guiaron a nosa necesidade de seguir preguntando sobre os motivos polos que atopamos tantos obstáculos mentais á hora de reconstruír parte da historia recente.
Precisabamos un motor para enmarcar a proposta e que conectara honestamente con nós como creadoras e como cidadás co dereito e a obriga de coñecer a súa historia. Tamén precisabamos un espazo versátil para habitar as escenas radicalmente diferentes que propón Manuel María en A lúa vai encuberta. Cando o director do proxecto, Tito Asorey, explicou que adquirira a finais dos anos 90 as cadeiras da Agrupación Cultural Auriense, a peza comezaba a convocarnos. Así, case a modo de constelación, non familiar, mais social, esas cadeiras como testemuñas dun tempo concreto convidaban a intentar facer o que non se puido rematar de facer.
O carácter ‘fragmentario e subxectivo’ que Manuel María defende na presentación da obra supuxo un dos maiores atractivos á hora de pensar o xogo escénico. Esa ruptura permanente permite un eclecticismo estilístico polos universos tan diferentes que visita. De igual modo, o seu carácter subxectivo posibilita dialogar coa posición política do autor dende a creación, ao tempo que examinamos as nosas certezas e sinalamos a orixe dos nosos receos e ignorancias. Todo no marco dun espazo coral onde se funden tempos e realidades desde 1936 até os nosos días.
MATERIAL RELACIONADO
TEASER DO ESPECTÁCULO
TRAILER DO ESPECTÁCULO
VÍDEO DA PRESENTACIÓN DO ESPECTÁCULO
ENTREVISTA NO ZIG-ZAG DA TVG
CRÍTICA EN SERMOS GALIZA



